
Acrobacias imposibles, aéreos impresionantes, comedia hilarante, danza, clown e unha historia cativadora son os ingredientes de A serie clopen , un espectáculo multidisciplinar que reflexiona, en ton de humor, sobre os retos que ten que afrontar a xuventude nestes tempos de incerteza. Alicia é unha rapaza que está nese momento vital onde comeza a construír a súa identidade e investiga o mundo que a arrodea. O seu cuarto segue cheo de bonecas e xoguetes, pero as preguntas invaden a súa mente. Ela, no seu afán de darlles resposta, abre unha canle onde explica curiosidades acerca dunha das súas paixóns: as matemáticas. Pero todo o que descobre xera máis preguntas... Poderán as "mates" explicar o momento político actual: o auxe dos absolutismos, dos fascismos, o aumento da desigualdade, ou o novo contexto bélico? Poderá a nosa mocidade superar os retos que lles impón a súa xeración? E, sobre todo, poderá o circo, a arte do momento presente, do físico, do risco, da cooperación, ofrecer alternativas nun mundo absolutamente dixitalizado? A serie clopen é a primeira produción propia do Centro Dramático Galego co circo como eixo central e como punto de referencia para construír un mundo simbólico que convida á reflexión sobre o momento actual. FICHA ARTÍSTICA Dirección de escena: Pablo Reboleiro Dramaturxia: Pablo Reboleiro e Clara Gayo Elenco: Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo Iluminación e videoescena: Laura Iturralde Escenografía: José Faro e Laura Iturralde Caracterización e maquillaxe: Paula Quintas e Erea Pérez Vestiario: Carlos Alonso Movemento escénico e coreografía: Marta Alonso Asistencia de dirección e espazo sonoro: Marcos Carballido Asistencia de circo: José Expósito Música orixinal: Xosé Lois Romero Asistencia de produción: Santi Romay
